miércoles, 8 de diciembre de 2010




LENDAS OU HISTORIAS? Que se agocha ....

Que se agocha tras de tantos relatos como nos transmite a tradición oral? Son as lendas froita da imaxinación sen máis ou baixo delas hai realidades que se nos escapan, realidades pasadas que o tempo transformou ou realidades presentes que non somos quen de comprender? Seguramente hai unha boa dose de cada cousa.

domingo, 22 de agosto de 2010

A MULLER CERVO




A CERVA BRANCA


No castelo de Doiras vivía un señor moi importante, tan poderoso como un rei, que se chamaba Froilán. Este home tiña dou fillos: un rapaz valente e forte, Egas, moi amigo de cazar nos bosque do seu pai, e unha mociña loira, delicada e fermosa como fora a súa defunta nai, de nome Aldara. O pai estaba moi fachendoso dos fillos e queríaos moito aos dous, mais a meniña dos seus ollos era a rapaza. Un cabaleiro veciño namorouse de Aldara e os pais decidiron casalos mais, pouco antes da voda Aldara desapareceu do castelo. O pai reuniu a toda a súa xente, que era moita! e todos buscaron sen parar días e días pero a rapaza non apareceu. Pasado un tempo dérona por morta.
Quedou só Egas que era o bo rapaz. Un día fixo unha cacería cos amigos e propuxo que cada un levara ao castelo a súa mellor peza para poder saber quen era o mellor cazador. Egas separouse dos outros e cando estaba ao pé do monte viu un cervo enorme no alto. Foi por el sen pensar máis pero cando se achegou o animal desaparecera e no seu lugar viu unha grande cerva blanca. Aquel si que ía ser un bo trofeo, el sería o mellor cazador dos arredores. Disparou as súas frechas e a cerva caeu axiña. Achegouse a ela para levantala e levala con el pero non foi quen porque pesaba moito, entón decidiu cortarlle unha pata como mostra e mandar despois a buscar o resto. Meteu a pata no seu zurrón e marchou ao galope para o castelo.

No castelo esperou aos amigos e cando chegaron contou o que cazara e para demostralo abriu o zurrón e foi sacar a pata que cortara. Cando sacou o que tiña na bolsa botou un berro porque alí había unha man delicada de muller cun anel que el coñecía ben porque era o da súa irmá Aldara.

Todos, co vello pai á cabeza, marcharon ao sitio onde Egas matara á cerva e alí atoparon o corpo de Aldara. Non pasaran os anos por ela, era a mesma moza que desaparecera do castelo.

Din que a encantara un mouro que vivía no Castro porque estaba namorado dela, que a convertira en cerva e que ao darlle morte volveu a ser quen era. Tamén din que o mouro era o cervo que viu Egas e que despois da morte de Aldara no castro óense berros e choros polas noite, pero non se sabe ben o que pasou e alí non vai ninguén despois do solpor así que non se sabe.

Etiquetas:

martes, 17 de agosto de 2010

PEPA A LOBA NO CEBREIRO

Un paisano pobre pediulle cinco pesos a un veciño para pagar a contribución. Cos cartos no peto, encamiñouse cara a Folgoso pero na Devesa de Rogueira asaltouno un ladrón e quitoulle os cartos e o reloxo que era todo o que levaba todo.
O home volvía para a casa chorando como un neno e queixándose da súa desgraza cando lle saíu ao camiño a cabecilla dos ladróns, a Pepa a Loba, que viña cunha ducia de homes. Pepa preguntoulle que lle pasaba. O pobre home contoulle o encontro que tivera e que quedara sen os cartos para pagar a contribución.. Entón a Loba asubiou e apareceron o resto dos seus homes, fixo que se puxeran todos en roda e preguntoulle ao home:
-Cal destes homes que roubou os cinco pesos e o reloxo?
O paisano sinalou a un moi malencarado e a xefa dos ladróns volveu preguntar.
- Estás ben seguro?
- Estou, si señora!
Entón a muller mandoulle ao ladrón que lle devolvera todo e deulle unha somanta de paus ao seu axudante á vez que lle dicía:
- Téñovos dito que hai que saber a quen roubar, que non lle hai que quitar a quen non ten.
Despois mandou marchar ao labrego e dirixiuse a Seara. Alí roubaron nunha casa rica, á que Pepa se achegou vestida de garda civil, porque se vestía de moitas maneiras para que lle abriran as portas, e colleron todo o que quixeron din que fuxiron cara a Donís, onde tiñan o seu refuxio, din que nunha cova fonda que ten dúas entradas por iso os gardas non a daban collido.



Etiquetas:

lunes, 16 de agosto de 2010

PEPA A LOBA, BANDOLEIRA

Parece que esta muller viviu en realidade e din que naceu cerca de A Estrada, que foi filla de solteira e que quedou orfa sendo moi nena. Din que a recolleu unha tía e que a puxo de criada, que a nena tiña que atender ás tarefas da casa e coidar o rabaño de ovellas da tía. Sendo aínda nena puxéronlle o alcume de a Loba porque estando no monte enfrontouse a paus co lobo cando este apareceu se repente e botoulle a boca a unha ovella, a rapaza e os outros animais botaron a correr para a casa pero o lobo non estaba satisfeito e foi detrás querendo quitarlle outra, entón a rapariga colleu un pau e coa axuda do seu can enfrontouse ao lobo e conseguiu matalo aínda que quedou marcada polos dentes da fera.
Cando se fixo moza, como era guapiña a pesar das cicatrices a tía entrou en tratos co taberneiro da aldea para que a collera como querida e criada e así se fixo mais o taberneiro colleu lei e ata lle pagou a un mestre para que a ensinara a ler e escribir ademais de facerlle testamento. Pero pasou que a rapaza namorouse do mestre e o taberneiro foi asasinado na propia taberna. As sospeitas da Garda Civil caeron sobre a rapaza e o mestre e os dous foron metidos no cárcere, aínda que a xente da aldea sospeitaba do albeite, que era irmán do taberneiro. No xuizo só a condenaron a ela que se foi volvendo rancorosa e mala e só pensaba e escapar e vingarse.
Un día Pepa pediu confesión, asasinou ao crego que asistiu e fuxiu do cárcere vestida coa súa roupa foi a buscar ao seu can e despois presentouse na taberna coa que se quedara o albeite e fixo que o can o atacara ata matalo. Despois levou o cadáver ao monte para que os lobos o comeran. A partir daquela viviu escondida polos montes, xuntou unha partida de homes e fíxose capitana deles e roubaron e mataron por toda Galicia.

Etiquetas:

sábado, 14 de agosto de 2010

A RAÍÑA LUPA

A RAÍÑA LUPA E SANTIAGO APÓSTOLO

Contan que preto de Iria, no que coñecemos como castro Lupario, vivía as veces, porque era unha das súas moitas propiedades, unha raíña que tiña poderes de meiga porque era tan malvada que non tiña compaixón de ninguén e facía todo o dano que podía.
Din que os discípulos portadores de los restos de Santiago o Maior acudiron a esta raíña que, naquel momento, estaba no castelo rodeado dunha gran muralla cun infranqueable foxo, no que cabía un escuadrón de catro mil homes, tal era o seu poder e riqueza. Cando os discípulos se achegaron a ela para pedirlle un lugar no que enterrar ao Apóstolo, ela enganounos mandándoos ir ao legado romano que vivía en Duio. Este home meteunos no cárcere mais eles, din que grazas á axuda divina, puideron fuxir e volveron xunto á raíña Lupa para volver a pedirlle o mesmo, "un lugar para enterrar ao seu mestre Santiago" e que a raíña volveu a enganalos mandándoos ao monte Ilicino ou Pico Sacro onde había uns bois cos que levarían o carro a onde debía ir repour o corpo do defunto Santiago. Mais eles atoparon cuns touros bravos e cunhas serpes, que os atacaron pero conseguiron dominalos e matar ás serpes coa axuda do Apóstolo.
Á vista dos milagres a raíña Lupa converteuse ao cristianismo e deulles un lugar para enterrar ao seu mestre. Deste xeito din que naceu Santiago de Compostela, o lugar do definitivo descanso do Apóstolo que chegou a Galicia dende Oriente, despois de que os seus discípulos roubaran o seu corpo ás autoridades romanas.

A RAÍÑA LUPA E O FILLO CEGO
Desta raíña tamén contan que sempre andaba a presumir diante doutros reis de Galicia do seu poder e de que tiña nos alxubes do seus castelo de Francos máis prisioneiros cristianos que todos os outros xuntos.
Esta maligna muller tivo un fillo que naceu cego o que a endureceu aínda máis e fixo que perseguirá a todos cantos pasaban polo seu reino. Un día unha criada que tiña díxolle que se quería que o seu fillo vira só tiña que poñer en liberdade a todos os presos que estaban nos seus alxubes. A raíña Lupa desconfiou de que a criada se fixera cristana e mandou que a prenderan tamén a ela pero a idea da criada quedou metida no seu maxín e deulle voltas e máis voltas ata chegar a pensar que por probar non perdía nada e decidiu facer o que a criada lle dixera pensando que se a enganara pagaría coa morte.
Un bo día mandou aos seus soldados que deixaran saír a todos os prisioneiros, agás á criada. Así o fixeron e cando o último preso quedou en liberdade o fillo de Lupa comezou a ver. Entón soltou tamén á criada e fixoa rica e despois convertiuse ao cristanismo e volveuse boa e caritativa.

A RAÍÑA LUPA E A VELLA AVARA
Tamén din as lendas que habíaun rapaz que levaba os porcos da súa vella ama a pastar ao monte, no Pico Sacro. Os porcos engordaron moitísimo en pouco tempo e a rapaz non era quen de matalos; entón a raíña Lupa apareceu diante da vella, vestida de labrega w díxolle que ela mataría os porcos coa condición de que lle había de entregar os mellores chourizos do mellor porco. A avarenta vella tentou enganar á raíña Lupa dándolle os chourizos peores que teña. Lupa, tremendamente anoxada, convertiu en serpes os chourizos e estas sepes devoraron á vella mentireira e avara. Outros din que a mesma raíña Lupa se converteu en lobo e comeuá vella por tratar de enganala.

Etiquetas:

jueves, 12 de agosto de 2010

MULLERES MALVADAS

OUTRAS LENDAS DE LOBOS E MULLERES
Se nas lendas anteriores falabamos de mulleres que se transformaban en lobos ou adquirían algúns dos seus caracteres, agora imos falar de mulleres que polas súas accións recibiron o nome de LOBAS. Entre estas lendas están as das RAIÑAS LOBAS das que recollemos dúas en puntos tan distantes como a Baixa Limia e a Terra de Santiago.

A RAÍÑA LOBA da LIMIA
Contan que nun castelo das terras da Limia vivíu unha muller moi rica e poderosa pero tan soberbia e cruel que os campesiños das súas terras chamábana a Raíña Loba.
Para a súa mantenza e a dos seus parentes, "clientes" e criados, obrigaba aos seus súbditos a entregarlle cada día unha vaca ou dous años, un porco, varios polos e unha carreta chea doutras cousas de comer: pan, ovos, froita... As familias campesiñas xuntábanse e facían quendas para entregar o que a raíña pedía porque era tan mala que se algún pobo fallaba na entrega ou non era abonda mandaba aos seus servos que queimaran as casas e as colleitas dos pobres labregos, e mesmo facía que os mataran a eles e as súas familias.
Un día, cando lle chegou a quenda de mandar a comida ao pobo de Figueirós, os veciños xuntáronse en asemblea e decidiron que non ían pagar o tributo porque estaban xa arruinados e enriba oprimidos e mortos de medo. Mais negarse a pagar sen máis era condenarse a morte, tiñan que facer algo antes de que a raíña mandara aos soldados contra eles.Pensaron que era mellor morrer loitando contra ela que de fame ao atropelados polos soldados así que fixeron lanzas de freixo con puntas de pedra, arcos e frechas, colleron pedras e estacas e na escuridade da noite achegáronse ao castelo. A Loba e os seus servos durmían confiados no medo que lle tiña a comarca enteira e descoidaran a vixilancia. Caladamente os veciños de Figueirós, gabearon polos muros do castelo e abriron as portas sorprendendo aos sicarios da Loba. Nun curto pero terrible combate o pobo rebelde venceu aos soldados da loba e atou a outros que estaban no castelo. Despois uns poucos foron a pola Loba que escapara para a torre máis alta e pechara a porta, pero nin aquela pesada porta puido resistir a forza da rabia dos asaltantes e caeu fendida polos machados e as pedradas. Entón a raíña, véndose vencida, non quixo caer nas mans dos que consideraba os seus escravos e botou a correr cara a fiestra dende a que se tirou. Morreu esnaquizada contra as rochas que había abaixo e o pobo quedou liberado, pero para estar másis seguros tiraron o castelo.

Etiquetas: