domingo, 25 de julio de 2010






LENDAS OU HISTORIAS?


Que se agocha tras de tantos relatos como nos transmite a tradición oral? Son as lendas froita da imaxinación sen máis ou baixo delas hai realidades que se nos escapan, realidades pasadas que o tempo transformou ou realidades presentes que non somos quen de comprender? Seguramente hai unha boa dose de cada cousa.

Achegamento a algúns seres máxicos e as nosas lendas

A Santa Compaña

As árbores recortábanse núas e descarnados sobre a neve, que aparecía salpicada polas escuras lápidas do cemiterio abandonado. Do antigo mosteiro só quedaban restos da cabeceira e o arco da entrada ao que un día foi igrexa. Era o abrente, o día comezaba timidamente e unha fileira de sombras comezaba a pasar baixo o vello arco. Volvían ao seu lugar de descanso, xa percorreran os camiños para cumprir a súa misión: que, pronto, será ... unha máis. Era no que foran convertidas, antes a súa encomenda era a de protexer aos camiñantes, vixiar que chegasen ben ao seu destino, eran deuses proectores. Mais,..., agora, as divinidades de onte convertíronse en demos de hoxe, do presente.
Deuses de onte demos de mañá!

A SANTA COMPAÑA
En xeral defínese como unha "procesión de mortos ou almas en pena que nas brétemas da noite -a partir das doce- percorren errantes as sendas e camiños dunha parroquia".
Esta procesión vai encabezada por un vivo portando unha cruz e un caldeiro de auga bendita seguido de todas as ánimas con velas acesas. Non sempre son visibles, porén nótase a súa presenza polo cheiro a cera e o vento que se levanta ao seu paso. Camiñan de dous en dous,rezando o rosario ou cantando cantos da igrexa e tocando unha campaíña.
O portador da cruz non pode, en ningún momento, volver a vista atrás nin renunciar aos seus cargos precedendo a Santa Compaña. Só quedará liberado cando encontre outra persoa a quen lle entrega-la cruz e o caldeiro.
Para se salvar desta obrigación a persoa que vexa pasa-la Santa Compaña debe trazar un círculo no chan e meterse dentro del ou ben botarse boca abaixo.
A persoa viva que precede a procesión pode ser home ou muller, dependendo se o patrón da súa parroquia é santo ou santa.
Considérase á Santa Compaña como unha anunciadora da morte. A súa misión é visitar todas aquelas casas nas que axiña haberá un pasamento.
Tamén se cre que quen fai a “función” de cabeza da Compaña non lembra durante o día o que fixo pola noite e que ninguén que non o sabe pero que se pode recoñecer áss persoas penadas con este castigo porque están moi fracas e pálidas e cada día a súa palidez faise maior porque non se lles permite descansar ningunha noite, por lo que a sús saúde vaise debilitando ata enfermar sin que ninguén saiba a causa do seu misterioso mal. Condenados a vagar noite tras noite ata que morren ou outro incauto sexa sorprendido e pase a encabezar a procesión.

Moitas persoas aseguran que viron a Compaña e relatan as súas experiencias, entre elas está Manuel de Carballedo. Manuel ten hoxe 87 anos e asegura que a viu en varias ocasións. Conta así o que experimentou:

"Eu traballaba en Pontevedra e ía e viña en bicicleta, porque daquela na aldea non había coches e aínda que os houbera non se podía chegar á miña casa con el porque non había máis que un camiño estreito, unha corredoira. As veces entretíñame e facíaseme tarde. Iso pasoume a primeira vez que vin a Compaña. Era unha noite moi escura. Cando chegue a revolta do Castro, por baixo dos castiñeiros vin unhas luces, ao primeiro pensei que alguén viña da casa para a aldea e din unhas pedaladas, pero xa sentín tocar unha campaniña e pensei que a aquelas horas un enterro non podía haber. Entón entroume medo e arrimeime a unha silveira. Vin claramente que viña unha procesión e diante viña o sanristán co cruz e o hisopo na man e despois viña moita xente con velas acesas, marmurando un rosario. Collín tanto medo que me metín no medio das silvas e persineime moitas veces, ata que pasaron todas. Non estaba mirando, tiña os ollos pechados pero a campaniña xa se escoitaba lonxe e cando abrín un ollo xa non vin nada, estaba escuro todo e non se escoitaba nada. Entón saían e votei a correr para a casa, nin da bicicleta me acordei! Ao chegar miña nai púxose a berrar porque seica estaba máis pálido que un morto e todo cheo de rabuñadas das silvas. Eu case non podía falar e cando o fixen e contei o que vira dixo que era a Compaña, que fixera ben en meterme na silveira e en me persinar porque senón ian coller. Tamén dixo que éntendía o que lle pasaba ao sancristán que cada vez estaba máis pálido e fraco. Dixo que ía morrer se non atopaba a alguén para darlle a cruz e o hisopo. Moreu ao pouco tempo.
Pasou moito tempo porque andaba lixeiro para chegar cedo á casa, pero xa de casado volvín a atopala. Fora a axudar a miña sogra a sacar o bagazo porque o meu sogro estaba enfermo e co aguardienteiro, a falar, fíxoseme tarde. Atopeina na Devesa, ao pé do cruceiro e como non había silveira tireime no chan e recei un paternoster. Cando cheguei á casa e o contei a miña nai díxolle a miña muller que se vestira, que tiñamos que ir á casa dos seus pais que o pai morrera. Marchamos e cando chegamos facía unha hora que morrera, a hora que a Compaña se me presentou. Despois volvín a vela cando morreu miña nai que non estaba enferma nin nada," morreu de repente".



A MORTE DA SERRA

Nas noites máis escuras e frías do inverno, as xentes das aldeas do pé da Serra de San Mamede, vían unha luz coma se fose dun candil escoitaban voces terribles, como chegadas do inferno, que dicían rezos como chamando pola morte. Pasado un tempo a luz e os rezos desaparecían. Ninguén sabía que era aquilo pero todo o mundo tiña medo e pechaba ben a casa Din que un mozo de Vilar de Cans decidiu pescudar que era aquilo e que se agochou detrás dun balado do camiño polo que adoitaba pasar a luz. O rapaz tremía co medo e co frío, mentres agardaba e entón puido ver a luz que se lle achegaba e escoitou clariño os rezos Cando a luz xa lle permitía ver algo ergueu a testa para mirar que estaba a ocorrer mais alguén, que debía ser moi forte, lle deu recibiu unha labazada que o guindou catro ou cinco metros, non espertara ata a mañá seguinte

Ninguén daquelas aldeas puido mirar de preto nunca cara aquela luz pero contan que era a morte mesma que viña na procura de algún veciño. A morte viña da Serra.


SERPES E DRAGÓNS

A serpe podería ser a zoomorfización dunha posible divinidade feminina da terra e relacionada coa fertilidade, pervivencia dun neolítico agrario no que a muller como nai xoga o papel principal dentro da sociedade, pero que, posteriormente, foi demonizada por pobos de tradición patriarcal.

O dragón aparecería xa dentro dun ámbito cristiano, no que se mesturan elementos pouco claros, tal vez reminiscencias da Besta da Apocalipse de S. Xoan, aparecendo como a representación do mal, do opresor, todo cunha forte influenza dos libros de cabalería.


A LENDA DA COCA DE REDONDELA

Contan os vellos que hai moito, moito tempo, un día de Corpus Christi, uns rapaces que xogaban xunto ao río Alvedosa viron que a auga empezaba a moverse e fumegar e que, asustados, comezaron a correr e a berra. Entón a xente foise xuntando preto da rampla da ribeira do peixe e todos viron como do río saía un mostro enorme, de cor verde e cun limo que lle esvaraba polo corpo, cunhas ás pequeniñas para o corpo que tiña, e un rabo longo rematado nunha punta como a que teñen as varas de coller navallas.
Quedaron todos paralizados polo medo mirando semellante aparición. Aquela aparición comezou a subir pola rampla bufando e movendo a cabeza como buscando algo. De repente parou ecolleu unha rapaza coa boca pola cintura, meteuse no río e desapareceu. Todos os veciños resignados marcharon para as casas e dende ese momento, todos os anos pola mesma data aquel becho volvía w levaba unha moza que lle poñían na rampla para que quedara satisfeito.
Ata que os rapaces novos da vila dixeron que aquilo non podía seguir así. e foron á forxa e fixeron espadas para matar o dragón. Todos a unha acabarían con el e deixaría de levar as mozas da vila. Agardaron a noitiña e cando o dragón apareceu botáronse contra el e craváronlle as espadas e acabaron con el.
Entón fixeron unha gran festa e bailaron coas espadas dando voltas ao son da gaita e os mariñeiros sacaron viño e peixe seco e todos comeron e beberon e dende entón faise a festa da Coca en Redondela.



0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio