miércoles, 11 de agosto de 2010

MULLERES LOBO

Seguimos con lendas relacionadas coas mulleres.
Ademais de lendas de meigas, en Galicia hai outras que nos falan de mulleres destacadas pola súa forza ou por outras características que as poñen en relación cun animal totémico moi especial: o lobo. Non son tan abondas como as que falan de homes-lobo ou lobisomes, mais existen algunhas. Entre elas:

A LOBA DE VAL DE CONSO
En Val de Conso unha loba terrible comezou a atacar ao gando e á xente dun día para o outro. Os veciños, asustados, xuntáronse para facer batidas pero non tiveron éxito porque o animal era moi áxil e saltaba os cercos para logo ir refuxiarse nos robredais da Serra do Invernadoiro. Aquilo era tan estraño que a xente comezou a pensar que un animal non podía ser tan intelixente e todo o mundo deu en crer que se trataba dunha moza dun lugar próximo.
Din que era unha rapaza de mala vida e que cando a nai a reprendeu ela levantoulle a man e que a nai a maldiciu dicindo: "Permita Deus que te convertas en loba, mala filla".
Naquel mesmo momento a moza desapareceu e os veciños pensaba que era aquela loba.
Pensaban que se non eran quen de cazala era porque tiña que cumprir o seu fado e para evitar males maiores deron en deixarlle cada noite unha ovella para que a comera e non atacara o resto do gando nin ás persoas.
Co tempo deixou de atacar e os veciños pensaron que era porque xa cumprira a súa pena e conseguira o perdón da nai, que volvera a vida humana, aínda que ninguén a volveu ver.

A LOBA BRANCA
Esta lenda foi recollida nunha aldea do Concello de Viana do Bolo, terra de pazos señoriais, montañosa e de abondosa vexetación, como corresponde a unha comarca de montaña.
Na aldea vivía un labrador de bo pasar que tiña unha filla moi fermosa. O labrador pensou que sendo tan feita podería casar con alguén importante, con algún nobre ou fidalgo da comarca ou das zonas veciñas, así que a criou como a unha raíña, a moza nunca ía co gando nin facía traballos rudos como era o normal entre as da súa clase, para que non se estragaran a súa pel branca nin as súas mans.
Mais o seu pai tiña un criado, un mozo lanzal e de carácter doce que miraba a rapaza con adoración e ela comezou a notar a súa presenza e rematou namorándose del. Mantiñan o seu amor en segredo pero o pai sospeitaba algo estraño e vixiou á moza ata que descubriu que se xuntaba co seu criado e pastor. Esperou a volta da filla á casa e pechouna nun cuarto e escuras mais o noivo, aproveitando que marchara á feira conseguiu dar con ela e sacala. Xuntos escaparon cara ao monte. Cando o pai chegou de volta xuntou aos veciños e perseguinos pero non conseguiu dar con eles, entón cheo de rabia maldiciu á filla:
- Filla traidora! Non te quero volver ver, se ao montes vas que en loba te convertas xa!
A rapaza volveuse loba e o primeiro que fixo foi devorar ao mozo. Despois cando recuperaba a ser humano choraba sen parar e cada vez sentía máis rabia e volvíase máis fera cando volvía a ser loba. Mataba por matar rabaños enteiros, sobre todo os do pai porque consideraba que era o culpable do seu arrebato animal ao matar á persoa que quería.
Un día a xente do pobo decide facer unha batida, durante días seguen un rastro que parece deixado adrede , por fin dan coa loba e disparan sen parar varios homes contra ela, pero as balas non parecen facerlle dano e, diante do asombro de todos desaparece para sempre.

A LOBA DE SOBRADO (Trives)

Isto pasou en Sobrado, no outono, no tempo de recoller as castañas.
Un mozo forte que inda non entrara en quintas, estaba no souto do río Cabalar, xuntando folla mentres coidaba do sequeiro das castañas. Un veciño, que pasaba por alí recordoulle que tivera coidado non fora a ser que o sorprendera o lobo que andaba por alí e que fixera tantas desgrazas porque dende había un tempo estaban a pasar por estas terras cousas espantosas: nenos, unha costureira que cosía polas casas, un criado da
casa da casa da Mata, desapareceran sen deixar rastro e ninguén sabía que pasaba ata que aparecera o corpo medio comido dun camiñante e todo o mundo se dera conta de que era un lobo o que o atacara aínda que pola intelixencia que coa que actuaba parecía máis humano que animal co que podería ser un lobisome o que parecía ser o máis certo porque había quen dicía que vira un lobo enorme e que lle disparara pero que as balas non o mataran.
O rapaz era valente pero tamén prudente e cando comezou a escurecer meteuse no secadoiro e pechou a porta cunhas trancas. deixou a man unha machada e acendeu o lume para asar un anaco de touciño. Ceou tranquilo e cando lle empezaba a entrar o sono escoitou ruídos fóra, alguén rabuñaba na porta e unha tabla vella rompeu e polo burato apareceu unha gadoupa negra. O rapaz, tremendo co medo subiu axiña para riba, para o zarzo das castañas e agatuñouse no medio delas medio abafado polo fume e calado como un peto. Entón viu que outras tablas rompían tamén e entraba o lobo máis grande que vira nunca. O lobo achegouse ao lume e cheirou arredor como un can cansado, despois deitouse diante do lume e comezou a soltar a pel e debaixo apareceu unha moza que comezou a chorar.

O rapaz colleu a vara de varear as castañas e paseniño foina baixando ata chegar á pel e metela no lume. A rapaza comezou a berrar como se tivera unha dor moi grande pero o mozo non soltou a pel. Entón a rapaza pediulle que baixara porque quedara libre do fado e xa non lle podía facer mal ningún.
- Foi unha maldición da miña nai! Meu pai morreu sendo eu nena e ela volveu casar cun mal home que me tivo de criada. El e miña nai sempre andaban de esmorga e nin caso me facían ata que medrei e comezou a facerme as beiras. Un día achegouse a min e quixo forzarme e eu corteille a man cun fouciño. A miña nai púxose rabiosa e maldiciume dicindo:
-Mala filla, loba! Permita Deus que te volvas loba e como loba andes polos montes arrastrada! Fora da miña casa, loba!
-Fuxín para casa dunha tía e xa non tiven descanso. A miña tía consultou cunha sabia que lle dixo que non tiña remedio, que a maldición só desaparecería se alguén era quen de queimarme a pel de lobo para que non a puidera recuperar.
-Marchei da casa da miña tía e andei polos montes cumprindo o fado ata que hoxe, ti, o desfixeches. Deus cho pague!

Uns din que despois a rapaza marchou e foi para un convento e outros din que casou co mozo despois de que el volveu de cumprir o servizo en África, non se sabe ben.

A LOBA DE PIORNEDO

Nos Ancares hai outra lenda que fala dunha moza que vivía malamente nun "chozo" , lonxe da aldea e que tiña só unhas poucas ovellas e cabras que lle daban calor nos fríos invernos da montaña. Ninguén sabía de quen era filla nin de onde viñera. Era moi raro vela se non se ía ao monte por onde andaba sempre coas ovellas e dous cans. Todo o mundo lle tiña medo porque dicían que tiña "poderes" e que polas noites ouveaba máis forte que os cans que tiña, que eran grandes e fortes como lobos.
Din que un día esta moza apareceu na feira de Pedrafita cunha meniña loira, moi bonita, ninguén sabía de onde saíra a criatura pero todos deron en chamarlle a filla da Loba. A Loba dende entón aparecía nas feiras e nos mercados e mercaba cousas para a meniña sen que ninguén soubera de onde sacaba os cartos aínda que moitos estaban certos de procedían baúl que fora dos "mouros" de O Castro que tiña agochado nunha cova que ninguén soubo nunca onde estaba, outros dicían que os cartos viñan dun tesouro que fora dos señores do castelo de Doiras que a Loba collera e para algúns era o mesmo demo quen llos daba porque a meniña era filla del.
Nunca se chegou a saber nada seguro. A Loba morreu cando a nena tiña uns dez anos e a rapariga desapareceu. Houbo quen asegurou que a Loba non era meiga porque as meigas non morren como morreu ela e que a nena era filla dun crego que despois do enterro da muller a levou canda el para Asturias. Pero o que se sabe certo é que era moi estraña aquela moza e que trato cos lobos tiña porque ademais de ouvear coma eles nunca lle faltaba unha ovella. Cando morreu as ovellas quedaron soltas polo monte e os veciños foron colléndoas e din que nunca os lobos mataron a ningunha delas, que ían polas outras.

PEPA A LOBA
Chegando a Chantada, ao pé do monte Faro, atopamos unha formación granítica das chamadas pedras cabaleiras, non é unha formación corrente na zona polo que o maxín popular teceu varias lendas, das que hoxe só se conservan enteiras dúas, relacionadas con ela.

Segundo contan algunhas anciás de Adá na aldea de Erosa vivía unha moza moi fermosa, orfa e tiña un gran rabaño de cabras e ovellas, bos pastos e unha casa grande e boa. Todos os mozos da zona querían casar con ela pero a rapaza era moi desconfiada, pensaba que querían abusar dela ou que buscaban a súa riqueza e non quería saber deles. Tanto a acosaron que decidiu poñelos a proba, colleu unha pedra xigante que baixara a rolos do Faro e chantouna enriba dunha rocha que había no camiño a súa casa e dixo:
-Casarei con sexa quen de me igualar e suba unha pedra igual a esta enriba doutra pena das que están na aba do Faro.
Foron varios os que tentaron imitala pero ningún foi quen de facer tal cousa porque eran pedras grandísimas e moi pesadas. Rabiosos comezaron a dicir que aquela muller non era humana, que tiña poderes porque estaba aliada co demo. Ninguén lle dirixía a palabra, ninguén se atrevía a achegarse a ela, foi quedando illada e só falaba cos animais e nas noites de lúa chea ouveaba como unha loba, por iso lle puxeron Pepa a Loba.

Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio