jueves, 12 de agosto de 2010

MULLERES MALVADAS

OUTRAS LENDAS DE LOBOS E MULLERES
Se nas lendas anteriores falabamos de mulleres que se transformaban en lobos ou adquirían algúns dos seus caracteres, agora imos falar de mulleres que polas súas accións recibiron o nome de LOBAS. Entre estas lendas están as das RAIÑAS LOBAS das que recollemos dúas en puntos tan distantes como a Baixa Limia e a Terra de Santiago.

A RAÍÑA LOBA da LIMIA
Contan que nun castelo das terras da Limia vivíu unha muller moi rica e poderosa pero tan soberbia e cruel que os campesiños das súas terras chamábana a Raíña Loba.
Para a súa mantenza e a dos seus parentes, "clientes" e criados, obrigaba aos seus súbditos a entregarlle cada día unha vaca ou dous años, un porco, varios polos e unha carreta chea doutras cousas de comer: pan, ovos, froita... As familias campesiñas xuntábanse e facían quendas para entregar o que a raíña pedía porque era tan mala que se algún pobo fallaba na entrega ou non era abonda mandaba aos seus servos que queimaran as casas e as colleitas dos pobres labregos, e mesmo facía que os mataran a eles e as súas familias.
Un día, cando lle chegou a quenda de mandar a comida ao pobo de Figueirós, os veciños xuntáronse en asemblea e decidiron que non ían pagar o tributo porque estaban xa arruinados e enriba oprimidos e mortos de medo. Mais negarse a pagar sen máis era condenarse a morte, tiñan que facer algo antes de que a raíña mandara aos soldados contra eles.Pensaron que era mellor morrer loitando contra ela que de fame ao atropelados polos soldados así que fixeron lanzas de freixo con puntas de pedra, arcos e frechas, colleron pedras e estacas e na escuridade da noite achegáronse ao castelo. A Loba e os seus servos durmían confiados no medo que lle tiña a comarca enteira e descoidaran a vixilancia. Caladamente os veciños de Figueirós, gabearon polos muros do castelo e abriron as portas sorprendendo aos sicarios da Loba. Nun curto pero terrible combate o pobo rebelde venceu aos soldados da loba e atou a outros que estaban no castelo. Despois uns poucos foron a pola Loba que escapara para a torre máis alta e pechara a porta, pero nin aquela pesada porta puido resistir a forza da rabia dos asaltantes e caeu fendida polos machados e as pedradas. Entón a raíña, véndose vencida, non quixo caer nas mans dos que consideraba os seus escravos e botou a correr cara a fiestra dende a que se tirou. Morreu esnaquizada contra as rochas que había abaixo e o pobo quedou liberado, pero para estar másis seguros tiraron o castelo.

Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio