sábado, 14 de agosto de 2010

A RAÍÑA LUPA

A RAÍÑA LUPA E SANTIAGO APÓSTOLO

Contan que preto de Iria, no que coñecemos como castro Lupario, vivía as veces, porque era unha das súas moitas propiedades, unha raíña que tiña poderes de meiga porque era tan malvada que non tiña compaixón de ninguén e facía todo o dano que podía.
Din que os discípulos portadores de los restos de Santiago o Maior acudiron a esta raíña que, naquel momento, estaba no castelo rodeado dunha gran muralla cun infranqueable foxo, no que cabía un escuadrón de catro mil homes, tal era o seu poder e riqueza. Cando os discípulos se achegaron a ela para pedirlle un lugar no que enterrar ao Apóstolo, ela enganounos mandándoos ir ao legado romano que vivía en Duio. Este home meteunos no cárcere mais eles, din que grazas á axuda divina, puideron fuxir e volveron xunto á raíña Lupa para volver a pedirlle o mesmo, "un lugar para enterrar ao seu mestre Santiago" e que a raíña volveu a enganalos mandándoos ao monte Ilicino ou Pico Sacro onde había uns bois cos que levarían o carro a onde debía ir repour o corpo do defunto Santiago. Mais eles atoparon cuns touros bravos e cunhas serpes, que os atacaron pero conseguiron dominalos e matar ás serpes coa axuda do Apóstolo.
Á vista dos milagres a raíña Lupa converteuse ao cristianismo e deulles un lugar para enterrar ao seu mestre. Deste xeito din que naceu Santiago de Compostela, o lugar do definitivo descanso do Apóstolo que chegou a Galicia dende Oriente, despois de que os seus discípulos roubaran o seu corpo ás autoridades romanas.

A RAÍÑA LUPA E O FILLO CEGO
Desta raíña tamén contan que sempre andaba a presumir diante doutros reis de Galicia do seu poder e de que tiña nos alxubes do seus castelo de Francos máis prisioneiros cristianos que todos os outros xuntos.
Esta maligna muller tivo un fillo que naceu cego o que a endureceu aínda máis e fixo que perseguirá a todos cantos pasaban polo seu reino. Un día unha criada que tiña díxolle que se quería que o seu fillo vira só tiña que poñer en liberdade a todos os presos que estaban nos seus alxubes. A raíña Lupa desconfiou de que a criada se fixera cristana e mandou que a prenderan tamén a ela pero a idea da criada quedou metida no seu maxín e deulle voltas e máis voltas ata chegar a pensar que por probar non perdía nada e decidiu facer o que a criada lle dixera pensando que se a enganara pagaría coa morte.
Un bo día mandou aos seus soldados que deixaran saír a todos os prisioneiros, agás á criada. Así o fixeron e cando o último preso quedou en liberdade o fillo de Lupa comezou a ver. Entón soltou tamén á criada e fixoa rica e despois convertiuse ao cristanismo e volveuse boa e caritativa.

A RAÍÑA LUPA E A VELLA AVARA
Tamén din as lendas que habíaun rapaz que levaba os porcos da súa vella ama a pastar ao monte, no Pico Sacro. Os porcos engordaron moitísimo en pouco tempo e a rapaz non era quen de matalos; entón a raíña Lupa apareceu diante da vella, vestida de labrega w díxolle que ela mataría os porcos coa condición de que lle había de entregar os mellores chourizos do mellor porco. A avarenta vella tentou enganar á raíña Lupa dándolle os chourizos peores que teña. Lupa, tremendamente anoxada, convertiu en serpes os chourizos e estas sepes devoraron á vella mentireira e avara. Outros din que a mesma raíña Lupa se converteu en lobo e comeuá vella por tratar de enganala.

Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio