domingo, 22 de agosto de 2010

A MULLER CERVO




A CERVA BRANCA


No castelo de Doiras vivía un señor moi importante, tan poderoso como un rei, que se chamaba Froilán. Este home tiña dou fillos: un rapaz valente e forte, Egas, moi amigo de cazar nos bosque do seu pai, e unha mociña loira, delicada e fermosa como fora a súa defunta nai, de nome Aldara. O pai estaba moi fachendoso dos fillos e queríaos moito aos dous, mais a meniña dos seus ollos era a rapaza. Un cabaleiro veciño namorouse de Aldara e os pais decidiron casalos mais, pouco antes da voda Aldara desapareceu do castelo. O pai reuniu a toda a súa xente, que era moita! e todos buscaron sen parar días e días pero a rapaza non apareceu. Pasado un tempo dérona por morta.
Quedou só Egas que era o bo rapaz. Un día fixo unha cacería cos amigos e propuxo que cada un levara ao castelo a súa mellor peza para poder saber quen era o mellor cazador. Egas separouse dos outros e cando estaba ao pé do monte viu un cervo enorme no alto. Foi por el sen pensar máis pero cando se achegou o animal desaparecera e no seu lugar viu unha grande cerva blanca. Aquel si que ía ser un bo trofeo, el sería o mellor cazador dos arredores. Disparou as súas frechas e a cerva caeu axiña. Achegouse a ela para levantala e levala con el pero non foi quen porque pesaba moito, entón decidiu cortarlle unha pata como mostra e mandar despois a buscar o resto. Meteu a pata no seu zurrón e marchou ao galope para o castelo.

No castelo esperou aos amigos e cando chegaron contou o que cazara e para demostralo abriu o zurrón e foi sacar a pata que cortara. Cando sacou o que tiña na bolsa botou un berro porque alí había unha man delicada de muller cun anel que el coñecía ben porque era o da súa irmá Aldara.

Todos, co vello pai á cabeza, marcharon ao sitio onde Egas matara á cerva e alí atoparon o corpo de Aldara. Non pasaran os anos por ela, era a mesma moza que desaparecera do castelo.

Din que a encantara un mouro que vivía no Castro porque estaba namorado dela, que a convertira en cerva e que ao darlle morte volveu a ser quen era. Tamén din que o mouro era o cervo que viu Egas e que despois da morte de Aldara no castro óense berros e choros polas noite, pero non se sabe ben o que pasou e alí non vai ninguén despois do solpor así que non se sabe.

Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio