lunes, 26 de julio de 2010

UNHA BRUXA? UNHA DANZANTE CAMIÑO DA ÉXTASE?


Dentro do mundo das lendas hai moitos protagonistas e, entre eles, destacan as "bruxas", mulleres que en cerimonias especiais nocturnas, entraban en contacto co seu obxecto de culto, e o xeito de facelo podía ser por medio da danza, unha danza cada vez máis frenética, ata que se producía unha perda de consciencia que as levaba a entrar en contacto coa súa divinidade.

Poderíamos considerar unha representación aproximada de tal danza a imaxe que estamos a ver? Unha imaxe na que as formas desfaisen no momento da éxtase.
Trátase dunha escultura grega, concretamente da Ménade de Scopas. Foi realizada no século IV a. C.

Etiquetas:

A LENDA E A TOPONIMIA


No monte da Cova da Serpe vivía unha cobra que tiña mortos de medo ós veciños de Miraz.

A cobra, enorme, baixaba sembre beber á fonte que está cerca da Torre e que chaman Pozo da Serpe. Un día a xente decidiu acabar co monstro. Deixáronlle no camiño un burro enzoufado en alcatrán. A serpe non se deu conta do engano, comeuno e morreu de contado.

Aínda hoxe existe a coba onde vivía o animal na cima do monte, e de aí o nome que leva o monte.


A NOITE, UNHA CURVA E, AO AMENCER.... UNHA CRUZ


Esta é unha lenda urbana pero ...
Chovía, os faros case non permitían ver o trazado da estrada. Ía canso, a pesar dos seus poucos anos, era un mozo de dezaoito anos. Cando quixo reaccionar, xa era tarde, a pechada curva apareceu como xurdindo de súpeto. Ao seu carón soamente a Nada. Din que comezou a vagar sen rumbo, pedía axuda, pero ninguén acudía. Ao chegar o día, alguén chantou unha cruz no lugar do accidente e sentiu que unha forza o fixaba neses catro brazos, sentíase seguro, comprendía que tiña que agardar ata que chegase o seu tempo.
Din que nas noites chuvia, no brazo vertical da cruz parece verse como unha especie de cara anhelante, agardando que chegue o seu tempo de partida

Etiquetas:

OUTRAS MEIGAS

Interpretación dunha meiga, na que se destaca a súa beleza, moi lonxe da imaxe típica. A da esquerda é de autor descoñecido, dende logo actual a pesar da roupa, a da dereita é obra de Luís Seoane. Ningunha delas ten ese aspecto terrible das meigas que imaxinamos partino das narracións populares.

Etiquetas:

domingo, 25 de julio de 2010

AS MEIGAS

A MEIGA DA NOITE
Consumida, sen dentes, o cabelo como guedellas, só os seus ollos transmiten o seu verdadeiro ser, ese que aínda a mantén tesa. Chámanlle tamén Lurpia. Sae a noitiña e pide esmola. Se se achega a un debe darlle esmola con xenerosidade para que non se vingue porque a súa vinganza consiste en botallarlle o seu alento maligno a un fill@ de quen non satisface a súa demanda e o aire que bota provoca graves males de cabeza. E, xurde unha dúbida: é vella pola idade ou porque o seu amo lle consumiu a savia da vida?


A MEIGA CHUCHONA
As meigas chuchonas son as máis perigosas, preséntanse con distintas caras ou caretas, chuchan a sangre aos nenos ou roubanlle os untos para empregalos en feitizos. Se un neno ou nena cae nas súas gadoupas corre perigo de morte a non ser que a familia se dea conta e faga toda unha serie de rituais para salvalo.

A LAVANDEIRA
A lavandeira é unha meiga que orprende ao camiñante pola noite mentres lava a ropa, invitando a este a que colabore. Esta persoa ten que facelo ou estará expuesta a serias desgrazas. O seu aspecto é totalmente común, e como calquiera outra anciá diferenciándose só en que a roupa que lava está manchadas de sangue, a consecuencia, segundo se di, dun mal parto. Din que a lavandeira non pertence ao mundo dos vivos e que a maneira de librarse dela é pasar sen mirala nin dirixirlle a palabra.


A MARIMANTA
Marimanta é a meiga do saco, rouba nenos e fainos desaparecer. É unha vella fea e chepuda, que sempre leva un saco enriba da chepa e vai pidindo polas casas, hai que darlle algo para que non teña a oportunidade de se vingar dun e ter coidado dos nenos porque ao menor descoido marcha con eles e nunca volven a aparecer. Se un se atopa con ela e ve que o saco abulta moito debe detela e abaneala para que solte a súa presa. Din que anda polos camiños dende o tempo dos mouros e que non fala porque ninguén entende a súa lingua.


A FEITICEIRA
As feiticeiras son meigas que viven preto dos ríos e regatos e aínda que son anciás o seu aspecto e agradable, teñen unha voz moi fermosa e cos seus cantos "enfeitizan" aos mozos que se achegan a elas e fan que se vaian metendo nás augas sen se dar conta ata que xa non son quen de saír e morren afogados. Para evitar que faga dano hai que meter un pedra na boca e remoela ata que nos faga esquecer a súa voz. Buscan sempre lugares fermosos xunto aos ríos, lugares aos que non acude moita xente e din que se sentan nas rochas a esperar que se achegue algunha víctima, tamén din que en xeral escollen mozos novos que desaparecen uns días para logo aparecer afogados.

A BALOUTA
É a meiga típica, de figura extremadamente encorvada, camiña apoiándose nun curto bastón cheo de nodosisades. Viste roupas raídas e leva un sombreiro estraño. O seu nariz é ganchuda, e ten a cara cheiña de espullas, os seus ollos están constantemente cheos de bágoas e a súa mirada é aterradora. Se uno atopa a Balura no seu camiño non só non debe falarlla, tampouco debe mirala nen sequera de esguello porque é moi perigosa . Aparece pola noite, no bosque, sae de entre as árbores, pero cando non pasa xente polo bosque achégase ás casas.

A VEDOIRA
A vedoira é unha meiga esvelta e agradable no trato, posúe facultades adiviñadoras, xa que ao ser bautizada recibiu os óleos destinados aos moribundos e non aos nenos que entran, pola graza do sacramento, na. Esta meiga pode informarte de como están os teus familiares falecidos tanto no Ceo como no Purgatorio. Ten agora ademais asociada unha criatura inmaterial chamada Alen, puro espíritu, néboa, con forma humana ás veces, pero como sudario camiñante, condenada a vagar sempre na compañía da Santa Compaña por non cumprir o rito de San Andrés de Teixido, se vos toca verédevos condenados a acompañarla no seu eterno camiñar. Nalgunhas comarcas din que pode convertirse nunha bolboreta nocturna, que entra nas casas e da voltas arredor das lámpadas, segundo xire as nolticias dos mortos que trae son boas ou malas, é dicir, di se están no ceo contentos, ou están purgando os seus pecados e solicitan misas para redimilos.

Unha das meigas máis temidas é:
A MOUCHA
Segundo as zonas nas que se localice a lenda presenta formas diferentes, nunhas é unha muller con cabeza de moucho ou de lechuza, noutras é unha muller que se converte en moucho e que aparece nas proximidadades das casas onde vai haber defunto. Din que aparece tanto de noite como de día e que se pon a berrar como se alguén estivera a facerlle dano. Nunca falla, alí onde se pousda sempre hai unha morte aínda que non haxa ningún enfermo. Segundo din unhas veces ponse no cumio do tellado da casa sinalada ou enriba da chimenea, outras ponse nunha árbore, ten que ser un castiñeiro, colócase nunha póla na que sexa visible e emite os seus berros tres ou nove veces, segundo se quen vai morrer é novo ou vello. Non hai maneira de desfacerse do seu agoiro.

Etiquetas:






LENDAS OU HISTORIAS?


Que se agocha tras de tantos relatos como nos transmite a tradición oral? Son as lendas froita da imaxinación sen máis ou baixo delas hai realidades que se nos escapan, realidades pasadas que o tempo transformou ou realidades presentes que non somos quen de comprender? Seguramente hai unha boa dose de cada cousa.

Achegamento a algúns seres máxicos e as nosas lendas

A Santa Compaña

As árbores recortábanse núas e descarnados sobre a neve, que aparecía salpicada polas escuras lápidas do cemiterio abandonado. Do antigo mosteiro só quedaban restos da cabeceira e o arco da entrada ao que un día foi igrexa. Era o abrente, o día comezaba timidamente e unha fileira de sombras comezaba a pasar baixo o vello arco. Volvían ao seu lugar de descanso, xa percorreran os camiños para cumprir a súa misión: que, pronto, será ... unha máis. Era no que foran convertidas, antes a súa encomenda era a de protexer aos camiñantes, vixiar que chegasen ben ao seu destino, eran deuses proectores. Mais,..., agora, as divinidades de onte convertíronse en demos de hoxe, do presente.
Deuses de onte demos de mañá!

A SANTA COMPAÑA
En xeral defínese como unha "procesión de mortos ou almas en pena que nas brétemas da noite -a partir das doce- percorren errantes as sendas e camiños dunha parroquia".
Esta procesión vai encabezada por un vivo portando unha cruz e un caldeiro de auga bendita seguido de todas as ánimas con velas acesas. Non sempre son visibles, porén nótase a súa presenza polo cheiro a cera e o vento que se levanta ao seu paso. Camiñan de dous en dous,rezando o rosario ou cantando cantos da igrexa e tocando unha campaíña.
O portador da cruz non pode, en ningún momento, volver a vista atrás nin renunciar aos seus cargos precedendo a Santa Compaña. Só quedará liberado cando encontre outra persoa a quen lle entrega-la cruz e o caldeiro.
Para se salvar desta obrigación a persoa que vexa pasa-la Santa Compaña debe trazar un círculo no chan e meterse dentro del ou ben botarse boca abaixo.
A persoa viva que precede a procesión pode ser home ou muller, dependendo se o patrón da súa parroquia é santo ou santa.
Considérase á Santa Compaña como unha anunciadora da morte. A súa misión é visitar todas aquelas casas nas que axiña haberá un pasamento.
Tamén se cre que quen fai a “función” de cabeza da Compaña non lembra durante o día o que fixo pola noite e que ninguén que non o sabe pero que se pode recoñecer áss persoas penadas con este castigo porque están moi fracas e pálidas e cada día a súa palidez faise maior porque non se lles permite descansar ningunha noite, por lo que a sús saúde vaise debilitando ata enfermar sin que ninguén saiba a causa do seu misterioso mal. Condenados a vagar noite tras noite ata que morren ou outro incauto sexa sorprendido e pase a encabezar a procesión.

Moitas persoas aseguran que viron a Compaña e relatan as súas experiencias, entre elas está Manuel de Carballedo. Manuel ten hoxe 87 anos e asegura que a viu en varias ocasións. Conta así o que experimentou:

"Eu traballaba en Pontevedra e ía e viña en bicicleta, porque daquela na aldea non había coches e aínda que os houbera non se podía chegar á miña casa con el porque non había máis que un camiño estreito, unha corredoira. As veces entretíñame e facíaseme tarde. Iso pasoume a primeira vez que vin a Compaña. Era unha noite moi escura. Cando chegue a revolta do Castro, por baixo dos castiñeiros vin unhas luces, ao primeiro pensei que alguén viña da casa para a aldea e din unhas pedaladas, pero xa sentín tocar unha campaniña e pensei que a aquelas horas un enterro non podía haber. Entón entroume medo e arrimeime a unha silveira. Vin claramente que viña unha procesión e diante viña o sanristán co cruz e o hisopo na man e despois viña moita xente con velas acesas, marmurando un rosario. Collín tanto medo que me metín no medio das silvas e persineime moitas veces, ata que pasaron todas. Non estaba mirando, tiña os ollos pechados pero a campaniña xa se escoitaba lonxe e cando abrín un ollo xa non vin nada, estaba escuro todo e non se escoitaba nada. Entón saían e votei a correr para a casa, nin da bicicleta me acordei! Ao chegar miña nai púxose a berrar porque seica estaba máis pálido que un morto e todo cheo de rabuñadas das silvas. Eu case non podía falar e cando o fixen e contei o que vira dixo que era a Compaña, que fixera ben en meterme na silveira e en me persinar porque senón ian coller. Tamén dixo que éntendía o que lle pasaba ao sancristán que cada vez estaba máis pálido e fraco. Dixo que ía morrer se non atopaba a alguén para darlle a cruz e o hisopo. Moreu ao pouco tempo.
Pasou moito tempo porque andaba lixeiro para chegar cedo á casa, pero xa de casado volvín a atopala. Fora a axudar a miña sogra a sacar o bagazo porque o meu sogro estaba enfermo e co aguardienteiro, a falar, fíxoseme tarde. Atopeina na Devesa, ao pé do cruceiro e como non había silveira tireime no chan e recei un paternoster. Cando cheguei á casa e o contei a miña nai díxolle a miña muller que se vestira, que tiñamos que ir á casa dos seus pais que o pai morrera. Marchamos e cando chegamos facía unha hora que morrera, a hora que a Compaña se me presentou. Despois volvín a vela cando morreu miña nai que non estaba enferma nin nada," morreu de repente".



A MORTE DA SERRA

Nas noites máis escuras e frías do inverno, as xentes das aldeas do pé da Serra de San Mamede, vían unha luz coma se fose dun candil escoitaban voces terribles, como chegadas do inferno, que dicían rezos como chamando pola morte. Pasado un tempo a luz e os rezos desaparecían. Ninguén sabía que era aquilo pero todo o mundo tiña medo e pechaba ben a casa Din que un mozo de Vilar de Cans decidiu pescudar que era aquilo e que se agochou detrás dun balado do camiño polo que adoitaba pasar a luz. O rapaz tremía co medo e co frío, mentres agardaba e entón puido ver a luz que se lle achegaba e escoitou clariño os rezos Cando a luz xa lle permitía ver algo ergueu a testa para mirar que estaba a ocorrer mais alguén, que debía ser moi forte, lle deu recibiu unha labazada que o guindou catro ou cinco metros, non espertara ata a mañá seguinte

Ninguén daquelas aldeas puido mirar de preto nunca cara aquela luz pero contan que era a morte mesma que viña na procura de algún veciño. A morte viña da Serra.


SERPES E DRAGÓNS

A serpe podería ser a zoomorfización dunha posible divinidade feminina da terra e relacionada coa fertilidade, pervivencia dun neolítico agrario no que a muller como nai xoga o papel principal dentro da sociedade, pero que, posteriormente, foi demonizada por pobos de tradición patriarcal.

O dragón aparecería xa dentro dun ámbito cristiano, no que se mesturan elementos pouco claros, tal vez reminiscencias da Besta da Apocalipse de S. Xoan, aparecendo como a representación do mal, do opresor, todo cunha forte influenza dos libros de cabalería.


A LENDA DA COCA DE REDONDELA

Contan os vellos que hai moito, moito tempo, un día de Corpus Christi, uns rapaces que xogaban xunto ao río Alvedosa viron que a auga empezaba a moverse e fumegar e que, asustados, comezaron a correr e a berra. Entón a xente foise xuntando preto da rampla da ribeira do peixe e todos viron como do río saía un mostro enorme, de cor verde e cun limo que lle esvaraba polo corpo, cunhas ás pequeniñas para o corpo que tiña, e un rabo longo rematado nunha punta como a que teñen as varas de coller navallas.
Quedaron todos paralizados polo medo mirando semellante aparición. Aquela aparición comezou a subir pola rampla bufando e movendo a cabeza como buscando algo. De repente parou ecolleu unha rapaza coa boca pola cintura, meteuse no río e desapareceu. Todos os veciños resignados marcharon para as casas e dende ese momento, todos os anos pola mesma data aquel becho volvía w levaba unha moza que lle poñían na rampla para que quedara satisfeito.
Ata que os rapaces novos da vila dixeron que aquilo non podía seguir así. e foron á forxa e fixeron espadas para matar o dragón. Todos a unha acabarían con el e deixaría de levar as mozas da vila. Agardaron a noitiña e cando o dragón apareceu botáronse contra el e craváronlle as espadas e acabaron con el.
Entón fixeron unha gran festa e bailaron coas espadas dando voltas ao son da gaita e os mariñeiros sacaron viño e peixe seco e todos comeron e beberon e dende entón faise a festa da Coca en Redondela.